Así foi a VI Xornada de Tecnoloxía para o Ben Común

Este pasado venres 21 de novembro de 2025, tivo lugar na Escola de Enxeñaría de Telecomunicación da Universidade de Vigo a VI Xornada de Tecnoloxía para o Ben Común. Nesta ocasión, reuníronse docentes, persoal investigador e persoal técnico das universidades galegas, xunto con representares das ONG colaboradoras coa rede.

A xornada foi inaugurada por Susana Reboreda Morillo, vicerreitora de Extensión Universitaria da Universidade de Vigo, seguida de Acacia Naves García-Rendueles, actual directora da Oficina de Cooperación e Voluntariado da UDC, quen destacou o papel da Rede Galega de Cooperación Universitaria ao Desenvolvemento (RGCUD) como un espazo de divulgación e cooperación entre profesionais, que facilita o acompañamento, a investigación e o fortalecemento do persoal do ámbito tecnolóxico, velando sempre polo bo uso da tecnoloxía nos diferentes proxectos e actividades que se coordinaron este ano. Ademais, adiantou información acerca da 3o Convocatoria de Proxectos de Investigación no marco do Programa de Impulso á InvestigaciónUniversitaria en Tecnoloxías para o Ben Común.

Inauguración da Xornada a cargo da vicerreitora de Extensión Universitaria da UVigo Susana Reboreda. Na foto (á esquerda), xunto á moderadora da Xornada, Vanessa Míguez Martín, técnica da OCV

 

 

 

 

Persoas relatoras nas dúas mesas de experiencias.

 

Unha vez inaugurada a xornada, pasouse ás experiencias das persoas relatoras e os seus proxectos de cooperación e/ou de aprendizaxe-servizo, que se desenvolven tanto no Norte como no Sur global, abarcando dende unha poboación de Guinea Bissau ate o hospital Álvaro Cunqueiro en Vigo. Os relatorios da Mesa 1 de experiencias foron as seguintes:
Santiago Pozo Antonio, profesor de Minas na UVigo, presentou os Programas Erasmus+ K171, uns proxectos de conexión interuniversitarias que permiten tanto ao PDI como ao PTXAS mobilizarse a través das distintas rexións do mundo, fomentando a produción científica conxunta e a cooperación internacional.
Eduardo Suárez, profesor na Escola de Enxeñaría Industrial da UVigo, amosou o proxecto de ApS “Aprender xogando nun hospital”. Un proxecto que achega coñecementos básicos da mecánica de fluídos a pacientes pediátricos do Hospital Álvaro Cunqueiro, facilitando que o propio alumando se convirta en profesorado que aprende a través do xogo.
Rosa Ricoy, pertencente á Facultade de Dirección e Xestión Pública da UVigo, expuxo o seu proxecto de cooperación centrado na transición enerxética xusta e inclusiva a través da creación de comunidades enerxéticas, que establecen novos modelos de gobernanza atendendo a unha visión glocal (actuar a nivel local pero pensando a nivel global) fronte as lóxicas extractivistas e instrumentais.
José Manuel Folgar Díaz, auxiliar técnico de bibliotecas na UDC, presentou o Banco de Reciclaxe electrónica con software libre do Campus de Ferrol. Un espazo que outorga a diversos aparatos electrónicos unha segunda ou terceir vida, grazas a súa reparación e relocalización. Tamén ofrecen información sobre a ética e a importancia da utilización do software libre, fomentando a xuntanza de diversas persoas e tecendo redes.

Despois das primeiras catro experiencias, puidemos desfrutar dun café e duns aperitivos mentres conversabamos e observabamos un tríptico que animaba a seguir reflexionando sobre as lóxicas extractivistas relacionadas coa tecnoloxía.

A seguir, as experiencias da Mesa 2:
Breixo Martíns, investigador da UVigo, amosou os primeiros resultados da súa investigación, nos que constatou que a IA reproduce fortes sesgos sociais e culturais. Estes algoritmos, que non son arbitrarios, tenden a occidentalizar os contidos dixitais, homoxeneizando o mundo e silenciando outras realidades, ademais de exacerbar as diferencias relixiosas ou raciais que favorecen a
confrontación e a polarización social.
Concepción Pérez Lamela, profesora no campus de Ourense, comentou diversos proxectos de cooperación con metodoloxía ApS desenvoltos a través de diversas materias, así como en TFG, TFM e teses doutorais. Estes proxectos céntranse, por un lado, na mellora do abastecemento de auga potable en poboacións de Guinea-Bissau e Ecuador e, por outro, no proxecto “Conservando Km0” con tres anos de traxectoria, que pon en valor o traballo das mulleres na conservación da comida.
Almudena Fiunte presentou o proxecto “Ec4Rural”, unha iniciativa a nivel europeo que pretende transformar a relación e as lóxicas actuais creando novos modelos de gobernanza como son as comunidades enerxéticas rurais, que a través dun modelo redistributivo, baseado en principios democráticos e participativos, deseña novas respostas colectivas para as necesidades e realidades do rural.
Ana Alfaya, estudante de doutoramento na UVigo, explicou o proxecto “Attract”, centrado no dereito a reparación (R2R), que focaliza a necesidade dun novo marco europeo que facilite ás persoas consumidoras e as empresas a información e os mecanismos necesarios para alongar a vida útil dos seus equipos; reducindo os residuos, minimizando a extracción e reforzando os dereitos das persoas consumidoras.

Persoas relatoras nas dúas mesas de experiencias.

 

 

Moitas grazas a todas as persoas que participaron e compartiron as súas experiencias e aprendizaxes con aquelas outras que tivemos a sorte de asistir.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *