Logo RGCUD

Rede Galega
de Cooperación Universitaria
ao Desenvolvemento

Convocatoria de subvencións para a execución de proxectos de acción humanitaria no exterior

coopgal.jpg
7 de Abril 2015
Institución:
Xunta de Galicia

Publicada a orde de convocatoria de subvencións para a execución de proxectos de acción humanitaria no exterior.

No DOG do 7 de abril publicouse a Orde do 23 de marzo de 2015, da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, pola que se aproban as bases reguladoras da concesión de subvencións para a execución de proxectos de acción humanitaria no exterior e se procede a súa convocatoria para o ano 2015.

O obxecto da orde é establecer o marco normativo que regulará a concesión de subvencións da Xunta de Galicia para proxectos de acción humanitaria no exterior que executarán as organizacións non gobernamentais no ano 2015.

Enténdese por proxectos de acción humanitaria, consonte á iniciativa da Boa Doazón Humanitaria (GHD, nas súas siglas en inglés) aqueles destinados a salvar vidas, aliviar o sufrimento e manter a dignidade humana durante e despois das crises- provocadas por seres humanos ou por desastres naturais-, así como previr e reforzar a capacidade de resposta para cando se produzan estas situacións.

A primeira convocatoria de subvencións para proxectos de acción humanitaria foi publicada no ano 2010 pola extinta Fundación Axencia Humanitaria de Galicia (FAHG), cunha dotación inicial de 300.000 euros que foi posteriormente incrementada en 210.000 euros. A convocatoria ten carácter anual, e será financiada cun importe total de 300.000 euros, mantendo o mesmo orzamento inicial das mesmas convocatorias en anos anteriores, sen prexuízo de que posteriormente se poida ver incrementada esta dotación con achegas posteriores.

Os proxectos que poderán optar a estas subvencións son os proxectos no exterior executados polas ONGD que posúan entre os seus fins o desempeño de actuacións de acción humanitaria. Os proxectos Terán unha duración máxima de 12 meses, rematando a súa execución antes do 31 de decembro de 2015 e podendo estar iniciado dende o 1 de xaneiro do mesmo ano.

A convocatoria enmárcanse no cumprimento do III Plan Director da Cooperación Galega 2014-2017, aprobado polo Parlamento de Galicia o 18 de marzo, que prevé como liña de acción, a realización dunha acción humanitaria integral e de calidade. O III Plan Director identifica tamén a Axuda Humanitaria e de Emerxencia como unha prioridade sectorial dentro da cooperación para o que propón o destino de entre o 8- 10% do orzamento xestionado nos catro anos de vixencia, co que a acción humanitaria pasa a ser o cuarto sector en importancia.

Igualmente, o Plan Anual 2015 da Cooperación Galega, aprobado polo Consello da Xunta en xaneiro de este ano, prevé a publicación dunha convocatoria anual, aberta e permanente, que fixe criterios claros de concesión de axuda, tendo como obxectivo estratéxico de longo alcance o de “contribuír á mellora das condicións de vida das poboacións afectadas por crises humanitarias, desastres e conflitos, garantido a preparación previa, a prevención, e os traballos de rehabilitación e reconstrución, mediante a mellora da calidade da axuda”.

Ao ser unha convocatoria de carácter permanente, a solicitude poderá presentarse ao longo do ano, a partir do día seguinte da publicación destas bases.Cada entidade pode presentar un máximo de dous proxectos individuais ou en agrupación.