Logo RGCUD

Rede Galega
de Cooperación Universitaria
ao Desenvolvemento

Subvencións proxectos de investigación e grupos de investigación en cooperación ao desenvolvemento

logo.png
21 maio 2021
Institución:
Xunta de Galicia
Público:
PDI

No DOG do 21 de maio publícase a Orde do 7 de maio de 2021 da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo, pola que se aproban as bases reguladoras da concesión de subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, para a realización de proxectos de investigación e para a creación de grupos de investigación en materia de cooperación para o desenvolvemento no marco da Axenda 2030, que van executar os grupos e centros de investigación das universidades galegas, e se procede á súa convocatoria (código de procedemento PR815A).

Esta convocatoria enmárcase no IV Plan director da cooperación galega 2018-2021, que na súa liña de acción 5.4 establece a necesidade de reforzar a cultura de avaliación, investigación e aprendizaxe colectiva dos actores e axentes de cooperación.

Na convocatoria establécense as condicións para a concesión de subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, para dúas categorías ou tipoloxías de proxectos diferenciadas:

1.- Proxectos de investigación que teñan como obxectivo a promoción do desenvolvemento humano e sostible, consonte á axenda nacional e internacional de desenvolvemento e, en particular,  aliñados cos ODS de Nacións Unidas, sendo imprescindible que os proxectos sexan relevantes para a cooperación para o desenvolvemento, e o seu contido estea claramente relacionado con esta área, non sendo financiables as colaboracións científicas sen esta dimensión.

2.- Proxectos para a creación de grupos de investigación, unidisciplinares ou multidisciplinares, interuniversitarios ou non, no ámbito da cooperación para o desenvolvemento, que teñan como obxectivo principal a especialización na investigación en cooperación para o desenvolvemento, que consolide liñas de investigación nesta materia no SUG.

A convocatoria conta coa mesma dotación que en anos anteriores, 150.000 euros (75.000 euros para a anualidade 2021 e 75.000 euros para a anualidade 2022), correspondentes en todo caso ao capítulo IV de gastos correntes.

Serán entidades beneficiarias destas subvencións as universidades do Sistema Universitario de Galicia e serán destinatarios/as os/as investigadores/as individuais ou equipos e grupos de investigación do Sistema Universitario de Galicia (SUG).

Esta modalidade de axudas publicouse anteriormente nos anos 2014, 2017 e 2019 e con ela compleméntase o esforzo que dende a Xunta de Galicia se fai para fortalecer ás universidades como axentes de cooperación e favorecer o traballo coordinado no SUG, o que se apoia a través da sinatura dun convenio de colaboración para a consolidación da Rede Galega de Cooperación Universitaria para o Desenvolvemento (RGCUD).

O prazo de presentación de solicitudes de axudas remata o 21 de xuño de 2021.

Investigación para o desenvolvemento 2021