Os proxectos de coñecemento da cooperación ao desenvolvemento (PCC) son unha iniciativa que a OCV convoca por primeira vez no ano académico 2011-2012 co obxectivo de que o persoal de investigación (PDI) e o persoal de administración e servizos (PAS) da Universidade da Coruña poidan coñecer as realidades dos países do Sur mediante a colaboración nun proxecto de Cooperación Internacional ou de Educación para o desenvolvemento, a través dalgunha ONGD.
As estadías nos países do sur son dunha a catro semanas, nas que a persoa adxudicataria da bolsa ten a oportunidade de formarse e colaborar no eido da cooperación a través da experiencia de coñecer e participar nun proxecto en terreo en execución coas copartes das ONGD.
O proxecto a realizar estará directamente relacionado co posto que a persoa solicitante desempeñe na UDC.
A OCV financia a viaxe completa até a localidade onde ten lugar o proxecto (ida e volta) e o seguro.