Logo RGCUD

Rede Galega
de Cooperación Universitaria
ao Desenvolvemento

Curso semipresencial de Formación Básica en Voluntariado

cfbv_lugo.jpg
Universidade:
USC
Público:
Estudantes

O curso de formación básica de voluntariado desenvolverase en modalidade semipresencial no Campus de Lugo, deste xeito o alumnado contará coa posibilidade de realizar o curso ao seu propio ritmo durante o primeiro ou o segundo semestre. Os coñecementos adquiridos deberán poñerse en relación cunha experiencia de acción voluntaria para o cal será necesario realizar unha entrevista a unha persoa vinculada a un proxecto social.

O alumnado recibirá orientación a través das titorías sobre o traballo que debe realizar, así como calquera dúbida relacionada co desenvolvemento do curso. O curso conta con tres sesións de titoría presencial no Campus de Lugo, dúas de carácter individual e unha grupal. As titorías darán comezo unha vez superada a avaliación do primeiro módulo e se for necesario poderase ampliar o seu número.

O curso está recoñecido con 2 créditos ECTS para todas as titulacións. Quen solicite o itinerario de actividades de participación social durante o curso 2014/15 pode recoñecer ata 4 créditos ECTS.

Quen reciba a cualificación de apto/a recibirá o certificado de aproveitamento do curso. O certificado de créditos entregarase ao alumnado apto que así o solicite.

O prezo da matrícula é de 60 €. Unha vez realizada a matrícula non será posible a devolución das taxas excepto se é debido á suspensión do curso.

O prazo de inscrición no segundo semestre remata o 13 de maio de 2015.

Pinchando aquí podes ver toda a información e o proceso de matrícula.

O programa está formado por nove módulos orientados a dar un punto de partida a coñecer como se desenvolve un proxecto de voluntariado.

  • Introdución á acción voluntaria
  • Voluntariado e idade
  • Voluntariado e saúde
  • Atención á diversidade
  • Inmigración e interculturalidade
  • Voluntariado e medio ambiente
  • Cooperación ao desenvolvemento
  • Educación para o desenvolvemento
  • TIC e participación social