Logo RGCUD

Rede Galega
de Cooperación Universitaria
ao Desenvolvemento

A equipa da UDC do proxecto KAYA CLÍNICA, participa na I Conferencia sobre Habitabilidade Básica en Mozambique. Conferencia do proxecto Kaya Clínica. Unha abordaxe alternativa á habitación (CHaBaM)

udc_mozambique_3.jpg
Marzo 2018

O pasado venres celebrouse na cidade de Maputo a I Conferencia sobre Habitabilidade Básica en Mozambique. Conferencia do proxecto Kaya Clínica. Unha abordaxe alternativa á habitación (CHaBaM), coorganizada pola Universidade da Coruña.
Esta conferencia consistiu nun foro de debate sobre as tendencias, prácticas, oportunidades e desafíos do hábitat nos países en desenvolvemento, desde unha perspectiva Sur-Norte Global. Apoiouse na divulgación dos resultados do Proxecto Kaya Clínica: “Implementación dun sistema de aprendizaxe e servizo para o alumnado enfocado a habitabilidade integral (auga, saneamento e mellora da habitabilidade) da Universidade Eduardo Mondlane (Maputo-Mozambique)”, proxecto desenvolvido polas Universidades Eduardo Mondlane e a Universidade da Coruña, co apoio da Fundación Universidade da Coruña, a Cámara Muncipal de Maputo e o financiamento da Agencia Española de Cooperación al Desarrollo (AECID).
A Conferencia reuniu a persoas da Academia mozambicana e internacionais, á segunda xefatura da embaixada de España, Luis Angel Redondo, o alcalde da cidade de Maputo, David Simango, o reitor da UEM Orlando Quilambo, e representantes do sector público e privado, organizacións non gobernamentais internacionais e nacionais, así como organizacións comunitarias de base empeñadas na provisión do dereito a teito e na construción social da cidade. Na conferencia fíxose unha exposición pública dos resultados de Kaya Clínica e a súa institucionalización como método, que se demostrou eficaz na abordaxe dos incomensurables desafíos que lastran a máis dunha terceira parte da humanidade que habita en condicións subestandard.

Na Conferencia houbo representación da UDC por partida triple, coas intervencións de Plácido Lizancos Mora, Santiago López Piñeiro e Vanessa Míguez Martín, profesores e técnica da Oficina de Cooperación e Voluntariado, respectivamente, que fan parte xunto con Alberto Varela e Francisco Raigón do equipo que desenvolveu o proxecto desde que foi formulado en marzo de 2015 ata a súa xustificación final, prevista para xuño de 2018 e mesmo da súa réplica xa formulada.