O reitor da UDC asinou o pasado mes de xullo, xunto coa vicerreitora de Internacionalización e Cooperación, o Programa de apoio da UDC a persoas refuxiadas e procedentes de zonas en conflito, promovido polo expresidente portugués Jorge Sampaio coa Plataforma Global para Estudantes Sirios. Agora asínase un novo convenio con Cruz Vermella para canalizar este programa xunto á OCV.
O reitor da UDC, Julio Abalde, asinou o pasado mes de xullo, xunto coa vicerreitora de Internacionalización e Cooperación, Pilar García de la Torre, o Programa de apoio da UDC a persoas refuxiadas e procedentes de zonas en conflito, promovido polo expresidente portugués Jorge Sampaio coa Plataforma Global para Estudantes Sirios co apoio de socios internacionais como o Consello de Europa, a Liga de Estados Árabes, a Organización para as Migracións, o Carnegie Corporation de Nueva York, a Fundación “la Caixa” ou o Instituto de Educación Internacional. Esta plataforma creouse en 2013 para facilitar a persoas refuxiadas sirias a continuación dos seus estudos universitarios nos países de acollida.
O pasado martes 12 de novembro, o reitor e a presidenta provincial da Cruz Vermella, asinaron un convenio de colaboración, xunto coa vicerreitora de Internacionalización e Cooperación, mediante o cal unha comisión creada ao efecto selecciona ás persoas beneficiarias de axudas de matrícula. Este programa permitiu xa a incorporación de dúas estudantes venezolanas que veñen de iniciar os seus estudos na Universidade da Coruña este curso. A Oficina de Cooperación e Voluntariado da UDC será a responsable de canalizar este programa de axudas xunto coa Cruz Vermella.