Logo RGCUD

Rede Galega
de Cooperación Universitaria
ao Desenvolvemento

Aprendizaxe-Servizo na Universidade Eduardo Mondlane de Mozambique

9-27 de xullo

Nuns días, dúas persoas da Universidade da Coruña, membros do equipo KAYA CLINICA, partirán cara a capital de Mozambique, Maputo, para desenvolver tarefas de coordinación e seguimento do dito proxecto, deseñado por dúas institucións universitarias para o exercicio da habitabilidade básica, baixo a metodoloxía do aprendizaxe-servizo.

O proxecto foi identificado, formulado e sometido a concurso público ante a Axencia Española de Cooperación ao Desenvolvemento para obter financiamento.

 

O KAYA CLINICA consiste nun practicum que aúna formación e acción para mellorar a capacitación docente da comunidade académica da Universidade Eduardo Mondlane (UEM), ofertándose aos centros universitarios con competencias e intereses na construcción do hábitat, o territorio, o medio ambiente e as infraestruturas. O foco das accións deste sistema de aprendizaxe-servizo é a habitabilidade integral (auga, saneamento e habitación), que aplicarase no corazón dun dos barrios precarios da cidade de Maputo, capital de Mozambique.

Coa instalación dunha oficina -KAYA CLINICA-, emprazaranse os medios humanos e materiais que estarán a disposición de prestar os servizos que a comunidade demande. A asistencia técnica que se prestará, incluirá dende a análise dos asuntos plantexados pola veciñanza, ata a formulación de propostas executables e o adestramento dos axentes locais encargados de levar adiante as actuacións deseñadas.

Este proxecto, ademais, concíbese como unha operación que poderá ser replicable a escala de cidade, de país e incluso exportable a outros ámbitos con problemática similar.