Logo RGCUD

Rede Galega
de Cooperación Universitaria
ao Desenvolvemento

Concesión dos premios “Móvete polos ODS”

p_suceso_1453802985780_1099934327828_1200_1280_u_90922b49f1f2477fe57196a4eac1e13.png

O pasado 17 de novembro publicouse a listaxe de alumnado premiado na 2ª edición do concurso de vídeos “Móvete polos ODS” que promove a Rede Galega de Cooperación Universitaria ao Desenvolvemento (RGCUD), co obxectivo de mobilizar e comprometer ás persoas participantes e ao resto da sociedade fronte aos grandes retos mundiais como poden ser o cambio climático, as desigualdades sociais e de xénero, a perda da biodiversidade ou mesmo a escaseza de auga.

Con este concurso retouse ao alumnado universitario a gravar vídeos de máximo un minuto en formato mp4, explicando a súa proposta para contribuir ao alcance dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible da ONU. Alén de demostrar o seu coñecemento sobre a Axenda 2030 e a súa concienciación ao respecto dos retos aos que se enfronta o planeta.

A II edición do concurso "Móvete polos ODS", impulsado polas tres universidades galegas a través da Rede Galega de Cooperación Universitaria ao Desenvolvemento, xa ten gañadoras.

1º premio para o vídeo con 1794 likes en Youtube: Un outfit mil consecuencias, presentado por un equipo de catro alumnas da Universidade da Coruña, no que se trata de concienciar á sociedade sobre os problemas e consecuencias do actual sobreconsumo de roupa.

2º premio para o vídeo con 1671 likes en Youtube: ODS estás a tiempo, presentado por un grupo de alumnos da UDC, un relato no que se apela á necesidade de preservar o planeta e deixar atrás accións que o danen. 

3º premio para o vídeo con 602 likes en Youtube: Únete al cambio, realizado por Cecilia Jiménez, estudante da Universidade de Vigo, o vídeo é unha chamada ao cambio, para que todas as persoas se unan á loita para salvar o planeta: reducindo o consumo de plásticos, reciclando, reparando e loitando pola igualdade.

Todos os vídeos que se presentaron ao certame poden verse na canle de Youtube habilitada para o concurso. Tamén achegamos o enlace coa listaxe de alumnos e alumnas premiadas na II edición do concurso "Móvete polos ODS".