Logo RGCUD

Rede Galega
de Cooperación Universitaria
ao Desenvolvemento

O proxecto KAYA CLINICA seleccionado para a Conferencia HABITAT III

17-20 de outubro

O proxecto consorciado entre a Universidade da Coruña, a Fundación Universidade da Coruña e a Universidade Eduardo Mondlane de Mozambique, financiado pola AECID, é elexido como exemplo de boa práctica pola Cooperación Española ante a Conferencia de Nacións Unidas sobre Vivenda e Desenvolvemento Sostible HABITAT III.

O proxecto, "Implementación dun sistema de aprendizaxe e servizo para o alumnado, enfocado á habitabilidade integral (auga, saneamento e mellora da habitabilidade) da Universidade Eduardo Mondlane de Maputo (Mz)", abreviadamente denominado KAYA CLINICA, foi seleccionado de entre máis de cen propostas de entre as financiadas pola AECID no período de referencia.

 

O proxecto KAYA CLINICA está actualmente en execución, estimándose a súa conclusión en novembro de 2017. O seu orzamento ascende a 187.250,00 Euros, dos que 74.824,00 Euros son aportados pola AECID. Outros 69.000 son valorizacións do traballo voluntario non remunerado do profesorado da UDC, encabezado polos profesores Plácido Lizancos (ETS Arquitectura) e Alberto Varela (ETS Enxeñaría de Camiños) e a técnica da Oficina de Cooperación e Voluntariado da Universidade da Coruña Vanessa Míguez. Integran o equipo ademais o técnico Francisco Raigón, quen participou na formulación do proxecto; María Varela, administradora e a arquitecta Ana Cubillo, destacada en terreo. Ademais outros profesores de distintos centros da UDC colaboran en diversas fases con este proxecto.

O obxectivo de KAYA CLINICA é actuar sobre unha realidade social marxinada para enriquecer a actividade docente e investigadora universitaria a través da realización de prácticas, abordadas dende un punto de vista multidisciplinar, nunha contorna social e física verídica, mediante a recualificación dos barrios precarios e atendendo ás necesidades das persoas en situación de pobreza, incapaces de acceder a unha asistencia técnica axeitada. Concíbese como unha operación exportable a outros ámbitos con problemática similar, incluso replicable a escala de cidade ou de país enteiro.

A Conferencia de Nacións Unidas HABITAT III sobre a Vivenda e o Desenvolvemento Urbán Sostible, terá lugar en Quito (Ecuador)  do 17 ao 20 de outubro de 2016. O encontro reunirá a actores urbáns, gobernos, autoridades locais, sociedade civil, sector privado e institucións académicas para debater sobre os desafíos que supón a urbanización a escala munidal e tratar de aportar solucións para cumplir os Obxectivos de Desenvolvemento Sostible. Na conferencia rexistráronse 46.000 persoas, que convertirán por uns días Quito na capital do mundo, tanto no seu foro oficial como nos foros alternativos, para todas aquelas persoas que xestionan o futuro dun planeta cada vez máis urbán. O goberno de España estará presente en HABITAT III por medio do Ministerio de Fomento e o Ministerio de Asuntos Exteriores e de Comunicación, e entre as súas experiencias destacadas levará o proxecto KAYA CLINICA no que participa a UDC.