Logo RGCUD

Rede Galega
de Cooperación Universitaria
ao Desenvolvemento

UVIGO e Concello de Vigo suman as súas voces para poñer en valor e homenaxear o labor das persoas voluntarias

vol1.jpg

O director da Área de Responsabilidade Social e Cooperación da Universidade de Vigo, Xosé Mahou, e o concelleiro da Área de Emprego, Economía, Industria, Voluntariado e Relaciones cos Sindicatos do Concello de Vigo, Santos Héctor Rodríguez, foron os encargados de dar lectura o pasado 5 de decembro ao manifesto de ambas as dúas institucións co gallo do Día Internacional do Voluntariado. Nun acto celebrado na praza do Rei, Mahou e Santos Héctor, agradeceron a implicación e dispoñibilidade das persoas voluntarias en diferentes espazos e actividades. “Queremos pór en valor a vosa acción, xa que dades o máis valioso que tedes, o voso tempo, colaborando en accións que son un instrumento transformador e que mellora e fai cidade”, sinalaron os representantes da Universidade e do Concello.

No manifesto incidiuse na importancia de estender “este impulso transformador” a toda a cidadanía, dende as idades máis temperás, “sendo a Universidade a culminación e o cénit deste proceso”. No documento tamén se fai referencia expresa á Axenda 2030, o primeiro plan de acción planetario, “que conectando o ámbito global e local, procura rematar coa pobreza, acadar a igualdade de xénero, conseguir un desenvolvemento económico sostible e respectuoso co planeta, e fortalecer a paz universal e o acceso á xustiza”.