Bases da 3ª Convocatoria de Proxectos de Investigación do «Programa de Impulso á Investigación Universitaria en Tecnoloxías para o Ben Común»

Enxeñaría Sen Fronteiras, agrupada coa Universidade de A Coruña e a Universidade de Vigo, e a rede Artigo9tech de investigación para o desenvolvemento, abren unha convocatoria para o
financiamento de proxectos de investigación en tecnoloxías para o desenvolvemento humano (TpDH).

A convocatoria enmárcase dentro do proxecto » Tecnoloxía ao servizo do ben común, da cidadanía global e da inclusión nas escolas técnicas da universidade galega. Fase 3″, financiado pola Convocatoria de Educación para o Desenvolvemento e a Cidadanía Global 2025 da Xunta de Galicia.

Obxectivo

O obxectivo desta convocatoria é promocionar a investigación en tecnoloxías para o ben común. Pretende promover contribucións multidisciplinares ao desenvolvemento e a promoción de novas tecnoloxías e enfoques técnico-científicos no campo da cooperación (local e internacional).

Quen se pode presentar?

O PDI de calquera universidade pública galega ou centro de investigación. Só se admite unha proposta por investigador/a.

Como participar na convocatoria?

Cubrindo o formulario, dispoñible ao final desta páxina. É preciso anexar dous ficheiros:
● CV actualizado do/a PDI responsable da proposta
● Un ficheiro (texto ou folla de cálculo) que desagregue con detalle o orzamento de gastos da proposta, incluindo os conceptos elixibles para financiamento (expostos máis adiante)

Prazo

É posible participar na convocatoria enviando propostas ata o 28 de febreiro de 2026.

Os resultados do proceso de selección comunicaranse nos quince primeiros días de marzo de 2026.

Os proxectos seleccionados deberán desenvolvese entre marzo e outubro de 2026. Ao rematar os proxectos, a persoa responsable deberá presentar unha breve memoria técnica e económica e os xustificantes dos gastos solicitados, antes do 1 de novembro de 2026.

Cal é o importe financiado?

Para esta convocatoria destínanse fondos para un total de 8.400 €.

Financiarase un máximo de 3.000,00 € por proxecto, co que se poderán pagar remuneracións (bolsas persoais coa retención do IRPF correspondente), ou material non inventariable (gastos
contra factura emitida a nome de ESF). Os fondos asignados a cada proxecto transferiranse en dous pagos: 50% dos fondos despois da aceptación da axuda, e o 50% restante coa entrega da memoria técnica e económica final de execución do proxecto.

Avaliación

O comité de avaliación estará composto por unha persoa membro de Enxeñería Sen Fronteiras Galicia, unha persoa membro da Universidade da Coruña, unha persoa membro da Universidade
de Vigo, ambas membros da rede de investigación Artigo9Tech. O comité será paritario.

Valorarase

● O axuste do proxecto ao concepto “tecnoloxía para o ben común”
● A viabilidade técnica e económica do proxecto
● A participación de persoal da comunidade universitaria e da sociedade en xeral no proxecto
● A visibilidade do proxecto, o que inclúe as actividades de difusión previstas

Máis información

Para calquera dúbida sobre as condicións da convocatoria, é posible contactar co equipo responsable no enderezo: artigo9tech@gmail.com co asunto «Convocatoria TpDH».

A través do seguinte enlace poderase completar a información e documentación necesaria: https://forms.office.com/e/PrwQMLwsb0

As persoas alleas á UDC deberán enviar o proxecto, o orzamento detallado e o currículo da persoa investigadora ao seguinte enderezo de correo electrónico: artigo9tech@gmail.com

Bases: Bases-da-convocatoria-Artigo9tech-2026

 

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *